 Mendoza é unha cidade arxentina tan distante doutros lugares como a miña poboación ou a túa. Se un ten vontade de achegarse, todo o mundo pode semellar ser veciño. Néstor Moreno é un mendocino con ampla experiencia profesional na produción audiovisual ao longo do continente americano, dende Estados Unidos a Arxentina. El tivo a teima xa hai uns anos de botar a andar o proxecto “ Toxic Vídeos”: un festival de pequeno formato, deseñado para inspirar e dar apoio aos novos creadores e difundir o seu traballo a través dunha mostra itinerante que esvaeza as fronteiras coas que habitualmente batemos.
A mostra acolle traballos internacionais vinculados ao cine, vídeo, música, arte dixital, deseño e tecnoloxía. O seu carácter aberto é o que fai tan interesante este proxecto, e absolutamente solidario coa vontade case utópica dos seus creadores: persoas con rostro que lle fan a un crer que a suma dos esforzos poden facer cambiar este mundo.
|