O cerco de Vilanova por Isaac Ferreira
teatro
|
|
|
O CERCO DE VILANOVA
“Isto acábase, pero a min non me collen vivo”
Luís Trigo Chao, O Gardarríos, 59 anos.
Horta de Lourenzá.
Noite do vinte e catro ao vinte e cinco de xuño de 1948.
As luces da vila están cortadas.
Só a lúa permite ver as árbores en froito.
A auga dun rego fura o silencio.
Luís, O GARDARRÍOS, perante o cadáver da
súa compañeira Engracia, abatida polas forzas franquistas.
O Gardarríos
Por que por que ela por que inventastes esta guerra e decidistes sobre a vida e a morte que nós somos a sobra o refugallo o resto neste agora inferno da vosa propiedade quen nos botou ao monte a morte está servida por que ela esta falta de luz cegos de prepotencia din os ricos antes roja que rota os fabricantes do espantallo só pensan nos negocios antes rota que roja predica o deus dos cartos mentres alguén leva na boca unha mensaxe escrita en sangue tricolor quen é o traidor aquí o que constrúe a casa ou quen a queima estamos rodeados de espantallos engracia roxa rota morta asasinada a terra asasinada a liberdade asasinada ti terra herba asasinada no campo de batalla todo é morriña sen ti todo é memoria engracia non sei estar sen ti a patria somos nós ou non é nada ese perfume que ti engracia tampouco uliscarás máis detrás da miña orella restará na paisaxe dos camiños no amencer dos rueiros engracia non sei estar sen ti todo é morriña sen ti todo é memoria memoria dun exilio un exiliado non existe é un morto para a terra nin exilio nin entrega eu nunca devecín pola fronteira aínda que ao mellor son preso dun pasado que xa foi acaso un paraíso derrotado quero volver a ser o gardarríos que sabedes de min cando vós decidistes acabouse este xogo estades expulsados e quen seredes vós uns fracasados con futuro o voso está en baixarvos diante dunha sotana un beaterio un uniforme agora todos a lamberlle o cu a ese xeneraliño baixo palio raza de lambecús non tedes outra lei que ese calvario da fronte popular á república das hortas fixestes do país unha leira e unha leira só serve para turrar dela ou para morrer nela ese é o voso horizonte unha casa de putas eu escollín morrer nas vosas mans agora teño sede proba de que estou vivo se puidese chegar a ese regueiro disparade covardes estades tan cagados coma min e iso que sodes cantos a min tanto me ten o final desta historia estaba escrito hai tempo hai tempo que o levades gravado no voso cerebelo de sicarios amigos da barbarie viva a morte violastes o espazo da nosa liberdade elixida entre adultos decidida entre iguais e desde aquela andades a gobernar nas sombras unha nación de cadáveres mandada por cadáveres asentados sobre cadáveres impulsores de guerras produtoras de máis cadáveres engracia estamos rodeados de cadáveres cadáveres físicos políticos xeográficos humanos criminais de guerra e sempre que perdedes o poder renacen as pistolas mulleres embarazadas nenos fillos da luz que xa non hai e da semente nenos licenza de matar nenos que chegaredes a mandar e despois que porque non hai poetas para os prepotentes e despois que señor rubiero de la rica señores vindos da bepeese despois o seu será un cadáver exquisito comesto de revanchas como o meu trancas seoane engracia estamos rodeados corazón todo son vermes no campo de batalla e sinto a morte até nas botas de montar agora que este espazo da nosa liberdade violada é un intercambio entre vós e eu só hai un troco posíbel o da morte despois malia quen sobreviva nesta horta só restará o baleiro a liberdade segue aí fóra mañá voltará a luz e as miñas fillas pensarán agora que seu pai agora está a morrer sen elas a morrer meu pai meu pai o noso pai agora está a morrer de pés e mans agora porque alguén está a matalo alguén agora e a morte a miña morte nun instante agora xa porque eu xa sei que estou agora simplemente morto e ti estás morto agora e andas vagas deambulas e non dormes morres vivo luís non dormes é que non sei estar sen ti non sei estar dentro de min e tampouco contigo non puideron engracia fixeron do teu corpo un campo de batalla non puideron violarte só puideron matarte agarda engracia díaz xa me vou agora eu acompáñote xa sinto que me envolve a lene morte o río xa queren que me vaia o río eles chaman por min coas súas pistolas engracia quero voltar ao río esas lanternas o que se move aí
Plash.
Plash, plash, plash.
Tres da madrugada.
Un fume gris enche de néboa a horta.
ENGRACIA e LUÍS, O GARDARRÍOS, confúndense no
escuro polos apousentos da morte.
|
|
|
Warning: Division by zero in /usr/home/pubmodusvivendi/www/adminrevista/inc/functions.inc.php on line 256
Warning: Division by zero in /usr/home/pubmodusvivendi/www/adminrevista/inc/functions.inc.php on line 256
Warning: Division by zero in /usr/home/pubmodusvivendi/www/adminrevista/inc/functions.inc.php on line 256
Warning: Division by zero in /usr/home/pubmodusvivendi/www/adminrevista/inc/functions.inc.php on line 256
Warning: Division by zero in /usr/home/pubmodusvivendi/www/adminrevista/inc/functions.inc.php on line 256
Warning: Division by zero in /usr/home/pubmodusvivendi/www/adminrevista/inc/functions.inc.php on line 256
Warning: Division by zero in /usr/home/pubmodusvivendi/www/adminrevista/inc/functions.inc.php on line 256
Warning: Division by zero in /usr/home/pubmodusvivendi/www/adminrevista/inc/functions.inc.php on line 256
|
|